1x13 #RadioManoplas: Tere García Álvarez

Pechamos a primeira tempada de Radio Manoplas cunha entrevista a Tere García Álvarez. Naceu no "Pirulí" mais medrou a cabalo entre Paraños, Barcelona e Vigo, cidade na que vive e traballa desde hai anos.

Tere acóllenos no local de Médicos do Mundo, a entidade na que traballa desde 2009. Grazas á súa xenerosidade coñecemos os seus inicios nos consumos sendo ela moi nova. A heroína inxectada, a prostitución, o VIH... entraron sendo moza, mais tivo forza para procurar axuda -no seu caso Proxecto Home- superar adiccións e levar a vida por outros carreiros. Participou nos inicios do grupo de autoapoio Imán e tras formarse como axente de saúde comezou a traballar en Médicos do Mundo.

Desde hai máis dunha década acompaña a persoas que malviven nas rúas da cidade, moitas delas doentes. As súas vivencias agora son de utilidade para mellorar as condicións socioeconómicas e sanitarias de moitas veciñas. Rematamos coa súa recomendación musical: "Comiéndote a besos" de Rozalén.

Botádenos unha man espallando este proxecto que podedes escoitar en: IVOOX, ARCHIVE e SPOTIFY.

Boas festas e boa entrada de ano!