A terceira entrevista da quinta tempada é Conchi Estévez Villar.
Conchi estudou Enfermaría en Compostela. En Portugal atopou emprego ao rematar a carreira, como tantas da súa xeración. Daqueles anos lembra ter adquirido a necesidade de formarse para ser unha profesional máis competente. Lembra tamén a importancia do grupo, da comunidade como sostén fronte á dureza da tarefa.
Especializada en saúde comunitaria e con ampla experiencia laboral en pediatría, onde desempeñou tarefas de supervisora no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Desde 2019 é profesora na Escola Universitaria de Enfermaría do Meixoeiro. Xunto con Irene Esperón, iniciou un seminario para o alumnado sobre comunicación en situacións difíciles, no que, a través do role playing, se abordan os acompañamentos máis axeitados.
Na parte final da entrevista falamos de ASEIA, onde Conchi é presidenta, “unha asociación especializada na atención integral en saúde emocional e mental comunitaria dos nenos, adolescentes e as súas familias”. En 2025 organizan a décima edición das Xornadas de ASEIA, que levan por título: A vulnerabilidade das infancias e adolescencias: entre o risco e a oportunidade.
Que gusto escoitar a profesionais como Conchi, que nos despide co tema "Perfect day" de Lou Reed.
Botádenos unha man compartindo este proxecto, que podedes escoitar en IVOOX, SPOTIFY, ARCHIVE e PODGALEGO.