A segunda entrevistada da quinta tempada é Mari Mar Revuelta Álvarez.
Mari Mar naceu en Turón, na cunca mineira de Asturias, en 1944. Con 18 anos ingresou na congregación das Dominicas da Anunciata. Eran tempos de transformación na Igrexa: Concilio Vaticano II, Teoloxía da Liberación... e foi nas Dominicas onde Mar construíu unha vida para e coas xentes de abaixo.
A súa vida relixiosa levouna por Bilbao, Brasil, Portugal e Coia (Vigo), onde leva vivindo desde hai máis de tres décadas. No Brasil, participou activamente no Movimento Sem Terra (MST), anos nos que unha parte da loita consistía en tomar a terra dos fazendeiros para aquelas familias privadas dos mínimos para a vida. Mar atopou alí unha Igrexa apegada á vida das persoas máis empobrecidas, que se organizaba en comunidades eclesiais de base. O tempo no Brasil rematou por motivos familiares e, en 1990, destinárona a Vigo.
Na parroquia do "Cristo da Vitoria" de Coia atopou unha organización semellante á que ela vivira no Brasil. Mar encontrou acubillo nesta comunidade, onde viviu xunto a persoas como Marina ou Carmen. O seu compromiso levouna a participar no grupo IMÁN, na ODS-Coia, na loita na rotonda de Coia... cun modo de estar marcado sempre pola firme defensa da dignidade e dos dereitos das máis empobrecidas.
Pechamos a conversa agradecendo a súa constancia, a firme defensa da xustiza e o agarimo que acompañan o facer de Mari Mar. A despedida musical é unha peza que leva por título "Canto do barrio" e que, polo momento, só poderedes escoitar asistindo a algunhas das celebracións que se fan na parro.
Botádenos unha man compartindo este proxecto, que podedes escoitar en IVOOX, SPOTIFY, ARCHIVE e PODGALEGO.