Desde Radio Manoplas organizamos un faladoiro baixo o título: "Unha tribu para coidar ás infancias e adolescencias tuteladas". Será o xoves 21 de novembro a partir das 20h00 no local da cooperativa A Morada (rúa Enrique X. Macías, 6 - Vigo).
Neste evento probamos cun novo formato, deixamos de lado as entrevistas individuais para dar paso a unha conversa -con público- entre tres persoas que coñecen ben o sistema de protección á infancia e á adolescencia:
- André Rocha Do Nacimento: viviu desde neno en diferentes casas de familia xunto aos seus irmáns. Sabe o que é medrar condicionado/apoiado polas decisións do servizo de menores, de profesionais, de entidades sociais... Na actualidade traballa nunha imprenta.
- Eva Gil Rodríguez: educadora social e integrante de ASEIA. Traballou en casas de familia e na actualidade faino nun centro de menores para adolescentes. Xunto as compañeiras de ASEIA fórmase, reflexiona e conversa sobre as vidas das infancias e adolescencias.
- Sergio Puga Amoedo: coordinador do Programa "En familia" de acollemento familiar para crianzas a adolescentes que viven en centros de protección. Viviu nunha casa de familia durante varios anos e ten ampla experiencia no social.
Alén de coñecer como funciona o sistema de protección, como é a vida nos centros, en que consiste o acollemento familiar... buscaremos como ampliar o papel da comunidade na atención e coidado das vidas destas crianzas e adolescentes. Para nós, é fundamental coñecer e comprender estas vidas, achegándonos a elas desde perspectivas diversas e complementarias ás dos profesionais que interveñen neste ámbito.
As compañeiras de A Morada colaboran acolléndonos no seu local, alí gravaremos o diálogo que logo subiremos ás plataformas de audio habituais onde están os falangullos de Radio Manoplas.