A octava entrevistada da tempada é Esther Lora Rodríguez.
A nosa avogada favorita pasa polos micros de Radio Manoplas. Filla de Antonia (Cádiz) e José (Bouzas). O traballo no mar do seu pai condicionou a vida familiar, José pasaba a maior parte do ano embarcado. Esther lembra a Antonia "facendo todo", tamén recorda gozar do seu pai o pouco tempo que estaba en terra. Desde pequena facían vida na "parro" e na adolescencia incorpórase en "O Modaco", colectivo ecoloxista do barrio. Na comunidade cristiá do Cristo da Vitoria coñeceu a persoas e viviu experiencias que condicionarían, para ben, a persoa que hoxe é.
Marcha a Compostela a estudar Dereito, coa idea de ser avogada. Un mundo no que atopou o seu lugar no mundo, desde o que defender os dereitos e a xustiza das empobrecidas. Consciente do sufrimento e dor que provocan a miseria e precariedade na vida das persoas, leva máis de dúas décadas ofrecendo o seu saber, e compañía, a aquelas que máis sofren e coas que outras non queren traballar.
Malia que sexa "unha pringada que cobra pouco" Esther é unha desas "catro gatas" que nos xulgados e nas rúas está sempre preto das que máis sofren. Despedimos estes minutos con "Nómadas" de Los Chikos del Maíz.
Botádenos unha man espallando este proxecto que podedes escoitar en: IVOOX, SPOTIFY, ARCHIVE e PODGALEGO.