A entrevistada coa que iniciamos a terceira tempada é Ana Martínez González.
Achegámonos até A Morada para conversar con Ana. Ela xunto a Fedra e Majo botaron a andar un proxecto que presentan como “un espazo de encontro, un lugar de lecer, asesoramento e formación, conectado coa comunidade e onde os coidados estean no centro”.
Ana comezou os estudos de Traballo Social en Compostela, mais unha beca Séneca levouna até Barcelona para continuar alí a carreira. Tempos de loita estudantil contra o plan Bolonia que lembra con agarimo e de gran aprendizaxe.
Remata os estudos e tras traballar en Nicaragua durante algo máis dun ano regresa a Vigo. Inicia a súa etapa en APAMP (Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral) da que resaltamos a iniciativa de As Bandidas. Ana e Fedra participaron xunto a mulleres con diversidade funcional nun espazo de intimidade onde compartir experiencias á quentura dos feminismos.
Da man de Ana falamos de feminismos, de comunidade, de diversidade funcional, da necesidade da ledicia e da festa para crear novos mundos e moito máis. Pechamos a entrevista cun tema que explica moi ben a Ana e A Morada: "Libre, atrevida y loca" de Rebeca Lane.
Botádenos unha man espallando este proxecto que podedes escoitar en: IVOOX, SPOTIFY, ARCHIVE e PODGALEGO.