Estamos de aniversario. O “hiper” leva catro décadas chantado onde estaba O Turreiro. Veciñas da Coia antiga lembran que antes do polígono alí se xuntaban no alto da parroquia. O palco, as árbores, o cruce de camiños eran o escenario ideal para facer unha morea de cousas…, ou sinxelamente para non facer nada. Só chegar, estar, recoñecerse, atoparse.
Mais iso truncouse o 20 de maio de 1980. Ese día a Permanente do Concello de Vigo concedía, por unanimidade, licenza para a construción dun centro comercial á Inmobiliaria Coya, S.A. na parcela 247 do polígono.
Decisión chea de controversia posto que os informes técnicos do departamento municipal de Urbanismo eran negativos á concesión da licenza. A superficie construída superaba con amplitude a legalidade na zona. Malia isto, en novembro de 1981 abría as portas o primeiro hipermercado de Galiza en Coia.
Unha parte da veciñanza do polígono -respaldada por 1500 sinaturas- opúxose á construción do “Hiper”. As razóns nas que baseaban o seu rexeitamento eran:
1) Legais. Os técnicos municipais deran o seu non ao proxecto. A Audiencia Territorial suspendera a licenza que máis tarde concederan desde a casa do concello.
2) O polígono de Coia superaba o volume de construción, chegando ao amoreamento.
3) Problemas de tráfico. Unha queixa dos movementos veciñais nesa época era a demanda de semáforos no barrio.
4) Destrución da pequena e mediana empresa. O polígono construirase sen contaren que os seus habitantes precisarían mercar produtos básicos. Nos inicios un camión traia alimentos ao barrio, máis tarde pequenas tendas e os centros comerciais formados por pequenos comercios daban servizo ao barrio.
5) Aumento do consumismo.
Co “Hiper” xa funcionando a reo o 19 de xuño de 1984 a sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Territorial de A Coruña anulaba a licenza de construción do Hipermercado de Coia, declarando así ilegal dita edificación por invasión de zona verde. O Tribunal aceptaba así o recurso presentado pola Asociación de Veciños de Coia, Coordinadora da AA.VV. de Coia e polo Movemento Cidadán da parroquia do Cristo da Vitoria. Tarde chegaba a sentenza, o Alcampo estaba xa en funcionamento e co tempo converteuse nun lugar de referencia para xente do barrio. Quizais o seu emprazamento, preto do Turreiro desaparecido, provoque que a veciñanza acuda por alí a se relacionar pero agora cos beneficios dunha empresa trasnacional mediante.
Pasados corenta anos desta historia, unha parte da cidade celebra con balbordo a apertura do Centro Comercial Vialia de Vigo. Ceetrus Urban Player Spain, empresa promotora da megaobra, é a rama inmobiliaria do grupo Alcampo.
Coia, novembro 2021
---
Artigo publicado en Praza Pública: https://praza.gal/opinion/o-hiper-de-coia-fai-40-anos