Tres reflexións: sobre a Historia, sobre o global, sobre o local.
Sobre a Historia: O nove de febreiro de 1939 a Guerra Civil aínda non rematara, pero a cousa xa pintaba moi negra. Aínda faltaba máis dun mes para que, cautivo e desarmado, fora derrotado o Exército Roxo. Porén a maquinaria do novo Estado xa comezaba a lexitimar a súa vinganza. Ese día de febreiro promúlgase a Lei de Responsabilidades Políticas, o pistoletazo de saída da represión contra todo o que cheirara a Frente Popular.
Pouco despois, en 1940, dítase a Lei para a Represión da Masonería e o Comunismo. O seu artigo 3 rezaba así: “…Toda propaganda que exalte os principios ou os pretendidos beneficios da masonería ou do comunismo ou semente ideas disolventes contra a Relixión, a Patria ou as súas institucións fundamentais e contra a harmonía social, será castigada coa supresión dos xornais ou medios que a patrocinasen e incautación dos seus bens, e con penas de reclusión maior para o principal ou principais culpables, e de reclusión menos para os cooperantes...”. Disto xa hai 76 anos.
Sobre o global: Trump é elixido presidente de USA. Botamos as mans á cabeza e escandalizámonos polo perigo que supón non só para o seu país, senón tamén para todo o mundo, en moitos eidos: modelo económico autárquico, xenofobia, ataque aos dereitos civís,.. Dende esta beira do océano suspiramos aliviados: menos mal que vivimos nun Estado cuxa Constitución é garante dos dereitos fundamentais…
Sobre o local: Estanse a coñecer detalles sobre o inicio do proceso contra os músicos do colectivo de rap “La Insurgencia”, quen o 17 de novembro terán que presentarse na Audiencia Nacional, acusados de enaltecemento do terrorismo, asociación ilícita, incitación ao odio, etc.
Para todos eles a nosa solidariedade, o noso agarimo e os nosos azos, pero en especial a Saúl Zaitsev: Pola proximidade, por sentir que é un de nós, por que levamos a súa musica nos nosos móbiles, por estar a pé de rúa no barrio, por que nos sentimos identificados con moitas das súas letras, por servir de banda sonora de docus e relatorios varios,…, por moitas cousas.
Non estaremos fisicamente con Saúl e os seus compañeiros o día 17 en Madrid, pero que saiba que a 600 quilómetros moitos ollos e corazóns estarán atentos.
11 novembro 2016