Tras os coidados, precariedade

Facer vida fóra deste capitalismo é ben complicado. Porén, tamén resulta difícil facelo dentro del. Para sermos sinceros, moito máis difícil. Crianzas que pasan máis horas nos centros escolares que os seus proxenitores no emprego, mulleres a cargo das persoas dependentes do seu entorno familiar, perceptoras de axudas sociais obrigadas a cumprir “itinerarios de inclusión” nun mercado laboral que as desbota, mulleres que deixan as súas familias en América para coidar as nosas…

Non temos claro se é unha consecuencia máis dun sistema tolo ou ben é unha aposta ideolóxica nítida e prefigurada; en todo caso, as lóxicas neoliberais desbotan os cuidados entre as persoas, pese a que o ser humano está (evolutivamente) deseñado para desenvolverse con plenitude con axuda dos seus semellantes. Por citar só un exemplo: nacemos inacabados, indefensos, e a diferencia da maior parte dos animais, necesitamos axuda do grupo para desprazarnos, alimentarnos, sobrevivir, ata varios anos despois do noso nacemento. Este fenómeno chámase heterocronía, e é o prezo que temos que pagar por ter un cerebro grande en relación ao noso corpo.

Necesitamos do grupo. Valores como os coidados entre as persoas ou o apoio mutuo deben ser inherentes á especie humana.

Pero vivimos no mundo no que vivimos, e o capital precisa seguir crecendo. Se xa non pode ser no ladrillo terá que ser noutro produto, neste caso os coidados entre as persoas. O caso é que a ruleta non pode parar, hai unha necesidade perpetua de atopar novos campos rendibles para a produción e absorción do excedente de capital. As grandes trasnacionais hai tempo que levan botando as súas gadoupas neste terreo. Os cartos que viñan da construción e das grandes infraestruturas non son xa tantos polo que levan tempo na procura de novos negocios. Centros de menores, servizos de axuda no fogar, xestión de equipamentos sociais, dependencia… son un bo lugar onde apañar cartos para empresas como CLECE, EULEN, Grupo Cinco…

Para facer cartos da igual que os alimentos dos nosos vellos non se poidan considerar tal, que o transporte dos dependentes que chegan aos centros de día estea subcontratado, que as coidadoras das nosas crianzas sexan traballadoras precarias…

Outra necesidade básica para a xente, como antes foron a educación, a sanidade, o acceso á enerxía, á auga, …, pasan de seren dereito a ser mercadoría. Outra necesidade que será campo de batalla entre quen pensa que todo neste planeta ten un prezo, e quen cree na centralidade do ser humano, con vidas dignas de ser vividas.

28 agosto 2016