Esta semana apareceu un tramo máis da muralla moderna de Vigo, engadindo outra peza ao quebracabezas da súa descrición e documentación planimétrica: cada poucos anos descúbrese algún anaco de lenzo, ou de baluarte, ou de porta, que serven para unir os fíos que conforman o coñecemento histórico da nosa cidade.
E de certo que vai ser outra oportunidade perdida (xa van varias), para que a cidadanía poida gozar coa súa presenza -real ou virtual-, na paisaxe urbana. Unha e mil veces repetiremos que a investigación histórica é palla se non transcende dos círculos académicos e reverte na sociedade. Esa mesma comunidade que, indirectamente subvenciona as intervencións arqueolóxicas, necesariamente ten que ser receptora dos avances nese eido. Por que da muralla de Vigo hai moito que contar e coñecer.
En 1652 é nomeado Capitán Xeral de Galicia D. Vicenzo Gonzaga, personaxe clave no desenvolvemento urbanístico da cidade: baixo o seu goberno acométese a fortificación da vila de Vigo. Aos seculares problemas de vulnerabilidade da vila -moi evidentes, a tenor da facilidade que tiñan os corsarios ingleses ou piratas berberiscos para atacar periodicamente a poboación-, a mediados do século XVII únese un novo e grave problema: o conflito que enfronta ás monarquías hispánica e lusa na Guerra de Restauración portuguesa.
Tendo un inimigo tan poderoso a unha escasa distancia, xa resultaba inaprazable acometer a fortificación da cidade. Será nas décadas dos 50 e 60 do século XVII cando se amuralle a cidade, ademais de construír o forte de San Sebastián e a maior parte do forte de Santa María do Castro.
Porén, con anterioridade xa había algunhas defensas dando cobertura á nosa vila. Sabemos que entre 1562 e 1564 erixíranse dúas baterías defensivas, posiblemente na zona da Pedra e no convento de San Francisco. Ou que en 1625 levantárase unha atalaia defensiva no monte do Castro (non confundir con castelo medieval do PenÇo, posiblemente emprazado tamén no mesmo monte), xunto a un sistema de trincheiras. Pero será na segunda metade do XVII cando se dote a Vigo dunha estrutura defensiva completa, aínda que xa nesas datas algunhas voces dubidan da eficacia das novas defensas. Nun manuscrito sen asinar enviado á Corte en 1666 alúdese a que “… la fortificación en incapaz de aguantar sitio... Los baluartes son pequeños… Los Parapetos no están a prueba de cañon... inmediato a la muralla hai mucho burgo y mucha quebrada... no ay fosso por ninguna parte…”.
A présa por construír o sistema defensivo, a irregularidade dos terreos e a falta de dotación orzamentaria foron as principais causas das eivas coas que nacía a muralla da cidade. É moi significativo que deixaran fóra do perímetro amurallado barrios xa consolidados e con certa importancia dende o punto de vista económico, como o Salgueiral ou o Berbés, ou edificios relixiosos como o convento de San Francisco ou o convento das monxas do Areal.
Na zona sur da cerca, na súa parte máis elevada, estaba o forte de San Sebastián, concibido a xeito de cidadela pechando o recinto amurallado. E na parte alta do monte do Castro erixiuse a fortaleza de Santa María, conformada por un recinto principal rodeado por dúas cercas defensivas máis, ás que no século XVIII se lle engade un novo elemento: o reduto de San Felipe, pequena atalaia ou torre emprazada no lugar hoxe ocupado polo parque infantil, cuxa existencia tan só coñecemos pola documentación gráfica conservada. Esta pequena fortaleza exenta estaba unida ao recinto principal por un camiño cuberto (zona de paso defendida por muros que situaban ás tropas a cuberto dos inimigos), e a súa función era a de completar o sistema defensivo no punto máis vulnerable, na súa zona surleste.
Todo este sistema defensivo nunca foi utilizado na guerra contra Portugal, xa que no ano 1668 asínase o tratado de Lisboa, no cal a monarquía hispánica recoñece a independencia do país veciño.
Porén, no século XVII chegou o momento de avaliar a súa capacidade defensiva. Felipe V, incumprindo os compromisos do tratado de Utrech, trata de recuperar as posesións mediterráneas arrebatadas á coroa hispánica. Como consecuencia, Gran Bretaña, Francia, Holanda e Austria asinan a Cuádrupe Alianza contra a monarquía hispánica. Estes movementos da política internacional tiveron repercusión en terras galegas, e no caso de Vigo materializáronse co ataque por terra do exército inglés en 1719. As murallas de Vigo resultaron tan ineficaces que a guarnición da praza forte da cidade tivo que refuxiarse no forte de Santa María do Castro. Alí as cousas non foron moito mellor: tras unha semana de asedio as tropas inglesas toman o forte, saqueando todo o de valor. A estrutura do forte debeu quedar fortemente danada, pois nalgún documento se alude a que foron lanzadas 3.000 bombas durante unha semana de fogo ininterrompido.
A mediados do século XIX comeza o período expansivo da cidade, e ao igual que noutras vilas galegas, as murallas son unha traba para o desenvolvemento urbanístico. Iníciase a súa demolición, e a finais de século practicamente xa non quedará nada da vella cerca defensiva.
O forte de San Sebastián correrá unha sorte parecida. Nos anos 70 do século XX demolerase a súa maior parte durante a construción do edificio do Concello, ignorando o ordenamento xurídico en materia de patrimonio histórico: xenericamente, todos os castelos e fortificacións eran (e son) Ben de Interese Cultural, segundo o Decreto do 22 de abril de 1949.
Daquel vello sistema defensivo xurdido no século XVII tan só queda, cun grao de conservación aceptable, o forte de Santa María do Castro. Moitos dos elementos da súa actual fábrica son do século XVIII, pero aínda así é un espectacular exemplo da arquitectura abaluartada militar de época moderna.
30 abril 2016