Nas sociedades capitalistas, calquera mercadoría ou produto ten un dobre valor: un valor de uso e un valor de cambio. E nestas lóxicas, os produtos culturais non constitúen unha excepción, tamén están suxeitos a estas dinámicas.
Antes de focalizar o discurso no valor do patrimonio cultural, un pequeno exemplo para teren claro de que estamos a falar, utilizando como paradigma a vivenda. Unha casa ten un valor de uso (onde durmimos, onde nos recollemos cando a meteoroloxía é adversa, onde desenvolvemos o noso ser cotiá,…), e un valor de cambio (un produto que xera un plusvalor co cal algúns sectores da sociedade poden enriquecerse). Pois ben, nunha economía capitalista, na balanza do valor terá moito mais peso o pratiño do cambio que o do uso. E é algo que temos interiorizado, que pensamos que forma parte das regras universais da economía, que sempre foi así, cando non é máis que unha aposta concreta para afrontar un aspecto básico das nosas vidas, neste caso a vivenda.
Volvamos ao patrimonio cultural. Se preguntamos aos representantes de calquera administración (entidades locais, provinciais, etc) porque acometen proxectos de recuperación de espazos culturais, as posibles varias respostas sintetízanse nunha soa: porque revitaliza economicamente o entorno social dese espazo. E este consenso xa non está suxeito á crítica, xa está interiorizado e asumido, cando en realidade é unha elección concreta, non inocente, das políticas culturais.
Poñamos o exemplo da Deputación de Pontevedra. Esta semana ven de presentarse en FITUR unha ruta de arquitectura contemporánea por Pontevedra como parte dunha nova oferta turística. No discurso de presentación, fálase de conceptos como “recurso turístico” ou de propostas como “arquitectura contemporánea do destino Rías Baixas como un novo aliciente para vir visitarnos”. Nin rastro de palabras como cidadanía, sociedade ou ben común.
Na mesma administración, está en marcha un proxecto de recuperación de 23 xacementos arqueolóxicos, cun orzamento total de 6,5 millóns de euros. No discurso teórico aparece novamente o turista como receptor das actuacións culturais. Pero,… e a cidadanía?
Sobre unha “materia prima” de dominio público como é o xacemento arqueolóxico (así o recoñece o artigo 56.1 da Lei 8/1995 de Patrimonio Cultural de Galicia), usando a forza de traballo física ou intelectual dun grupo de traballador@s (unha gran parte dos cales cobran menos de 800 euros mensuais, uns 400 menos do que marca o Convenio Colectivo de Galicia para a actividade arqueolóxica), xérase un coñecemento intelectual e unha recuperación física dos restos arqueolóxicos, que poden ter deste xeito un valor de uso: o goce intelectual, a riqueza cultural xa son un fin por si mesmos, ao servizo da cidadanía e da sociedade.
Pero ese valor de uso -que xustificaría con creces as actuacións realizadas- convértese nun valor de cambio. As plusvalías xeradas a partir de dominios públicos e con investimentos públicos serán aproveitadas por terceiros, dirixindo aquelas recuperacións culturais a un novo publico (o turista en vez do cidadán) a través de instancias intermedias (operadoras turísticas, negocios de hostalería, etc).
Repetimos, non é un enfoque casual. É un xeito de entender a cultura dende unha óptica neoliberal, conformando un produto non cun valor de uso (para a cidadanía), senón cun valor de cambio (dirixido ao turista). Tanto os discursos políticos, como as concrecións prácticas nos proxectos concretos, seguen esta senda.
En breve comezará o proceso de licitación dos proxectos de musealización dos xacementos arqueolóxicos de Pontevedra. As propostas teóricas museolóxicas e as plasmacións museográficas,… a quen irán dirixidas: a cidadáns ou a turistas?
Admitimos apostas.
23 xaneiro 2016