En Alicerces somos de gustos vetustos. É máis, encántanos a propia palabra: vetusto. Calquera substantivo ou adxectivo que fale sobre o pasado ten para nós unha sonoridade e unha textura saborosa: pretérito, anacrónico, arcaico, retumban no noso maxín e no noso padal, constituíndo per se un goce para o intelecto. Quizais só se verían superadas por outra palabra de reminiscencias máxicas: palimpsesto. Que sonoridade ten esta palabra!!!
As cidades son como palimpsestos. Escrébense, bórranse, vólvense a escribir; ás veces con faltas de ortografía, ás veces cunha caligrafía simple e precisa que fai que nos sintamos cómodos e acollidos. Porén, as cidades tamén se escreben usando unha linguaxe que abusa de aliteracións, metáforas e hipérboles conformando só un xogo de artificio, un escenario, menosprezando a trama e as personaxes, acostumando á cidadanía a unha lectura superficial onde no relato prima a forma é non o fondo.
Cantaba Mercedes Sosa que todo cambia. As nosas cidades cambiaron ao ritmo dos tempos políticos, económicos, sociais e urbanísticos que lles tocou vivir. Hai uns días, contemplando a orxía de luces de Nadal, letreiros de neon e arelas de bos sentimentos que había na céntrica Porta do Sol de Vigo, pensaba en como neste sector da cidade pódense estudar dous dos grandes procesos que sufriron as nosas cidades entre os séculos XIX e XXI: por unha banda a febre “hixienista” decimonónica, que empuxou a tirar as vellas cercas defensivas para abrir as rúas á modernidade, e por outra a querenza actual que convirte o entorno urbano nun espazo máis ao servizo da economía capitalista, onde todo se mide polo prezo e non polo valor.
Como era a Porta do Sol na segunda metade do XIX? Neste sector da cidade estaba a porta da cidade que daba cara ao nacente, dende a cal partía o camiño a Castela (seguindo a traza de Príncipe e Urzáiz). En 1869 finalizou a demolición desta porta e lenzo de muralla, e dez anos despois preséntase o proxecto para abrir a nova Travesía de Vigo (actual Elduayen), unha modernísima vía urbana acorde co pulo económico de finais de XIX. Lembremos que a mediados de século comezara xa o reordenamento urbanístico da zona, ao derrubar a vella capela da Soledade, emprazada diante da parcela que hoxe ocupa o Edificio Labarta de Jenaro de la Fuente Domínguez. En cinco décadas, o trazado de orixe medieval desaparece, e a configuración unitaria do centro histórico da cidade queda partido en dous pola rúa Elduayen.
A última gran remodelación da zona comezou no ano 2009, ao abeiro do Plan E, e continuou con outras actuacións menores en canto a súa entidade, pero non en canto ao seu calado sociourbanístico. Neste senso, habería que destacar dúas: a remodelación da Praza da Princesa e a rehabilitación e cambio de uso do local de Sereos. E ao igual que as reformas decimonónicas non foran neutrais e responderan aos fluxos económicos da época, do mesmo xeito as do século XXI son fillas do noso tempo. Así, apostouse por un tipo de transporte -o rodado dos vehículos a motor- cando probablemente foi a gran oportunidade para trazar un carril-bici que partindo da Porta do Sol, seguindo por Elduayen, López Mora e Castelao chegara ata a zona de praias; apostouse por agochar aquelas estampas que poden afear a paisaxe urbana (prostitución, marxinalidade, etc) cando o problema, aínda que non o vemos, segue; apostouse por ignorar o riquísimo patrimonio arquitectónico desta zona cuberto por unha chea de carteis publicitarios, letreiros e rótulos de todas as formas e cores; apostouse, en fin, por transformar este céntrico espazo de Vigo nun gran centro comercial ao ar libre…
Iso si, seica temos a árbore de Nadal máis grande do mundo.
Fragmento do plano de Coello (1856), coa zona da Porta do Sol
Foto aérea da Porta do Sol co trazado da muralla superposto
6 decembro 2015