Trapalladas

 Ás veces, os intentos de recuperación social dun ben cultural ou dun elemento patrimonial de interese quedan niso, nun intento. Cando non se converten en todo un esperpento. Imos facer un top-five das revalorizacións máis estrañas que podemos atopar hoxe en Vigo, propostas que zumegan un toque kitsch que ao seren contempladas non somos quen de discernir se nos atraen ou nos repugnan.

Nós propoñemos a lista, vós ordenades a clasificación:

- MILIARIO ROMANO DE GARCÍA BARBÓN: Home, que dicir. Un miliario romano nunha cidade que nunca tivo a categoría de cidade na Antigüidade e pola que nunca pasou unha vía romana…. Vigo non pasaba de seren un pequeno enclave comercial e industrial, e a vía romana máis próxima, a XIX, pasaba polo actual Mos camiño de Lucus Augusti. A nota de humor atópase na inscrición “Vivere in pulchram civitatem “, e o nome do emperador que mandou erixilo.

- ESPADAÑA DA ANTIGA IGREXA DE SAN MARTÍN DE COIA. Ah, os anos 80 ! Como di a canción “…los 80, década para el olvido, un desastre…”. A nova igrexa de San Martín de Coia inaugurouse en outubro de 1981, e a alguén se lle ocorreu a xenial de idea de reciclar (de certo que daquela nin existía esta verba) a vella espadaña da igrexa do século XVI, agora substituída pola nova, integrándoa no espazo aberto diante do novo templo. Raro, raro, raro…

- PESQUEIRO HISTÓRICO NUNHA ROTONDA: Din os teóricos da xestión do patrimonio cultural que os bens culturais actúan como elemento que cohesiona a sociedade na que se insiren. Son unha sorte de “pegamento” social. Neste caso, foi evidente: ante unha patética proposta de recuperación dun pesqueiro histórico, instalándoo nunha rotonda, levantouse o barrio de Coia.

- PEQUENO TRAMO DA MURALLA MODERNA NA RÚA CARRAL. Unha sorte de fiestra ábrese na beirarrúa en Carral, e oh sorpresa!, atopamos restos dos alicerces da vella cerca defensiva. Se a humidade, a condensación ou a sucidade non o impiden, claro está. A muralla podería ser un recurso cultural de primeira magnitude, e está completamente esquecida e infravalorada.

- MESA INTERPRETATIVA DO “CABALEIRO DE BOUZAS”. O discurso teórico é o seguinte. Durante o traslado do corpo do apóstolo Santiago dende a zona de Palestina ata Compostela nunha barca de pedra (a Translatio), houbo unha escala na vila de Bouzas, segundo se di nunha lenda portuguesa na que aparecen cabaleiros medievais na Tardoantigüidade, nunha versión precoz de “Regreso al futuro”. Ben, se somos quen de crer que unha barca de pedra flota, ou que os restos da catedral son do apóstolo, poderemos incluír este conto na nosa cosmogonía particular.

E con estes vimbios se constrúe a nosa historia.

19 outubro 2015