Tras as eleccións municipais, en moitas cidades de Galiza chegou a preamar, e con ela o aire fresco. Dende Alicerces recoñecemos que dende Vigo ollamos con envexa ao norte, cara Compostela, A Coruña ou Ferrol: na nosa cidade asentouse con firmeza unha corrente ideolóxica que ben podería chamarse pacovazquismo (a versión 2.0 do caciquismo da época da Restauración do século XIX), doutrina afastada das dialécticas habituais de esquerdas/dereitas, centro/periferia, e que xira ao redor dunha idea: eu son Vigo. E o máis grave do asunto é que aumentou o seu apoio cidadá.
As políticas culturais da cidade non son alleas ao noso particular e meridional pacovazquismo, e para mostra, dúas das últimas actuacións que teñen como suxeito ao patrimonio histórico, neste caso o Vigo romano: a instalación dunha réplica dun miliario romano na avenida de García Barbón, e as visitas teatralizadas na villae romana de Mirambell.
Como resumir estas actuacións nunha frase? Se o pasado non existe, da o mesmo, inventámolo. Nunca pasou por Vigo ningunha vía romana (temos que recoñecer que hai autores que defenden esta tese, mais creemos que sen unha base histórica e arqueolóxica sólida), e nunca apareceron miliarios na nosa cidade. O Vigo romano non era máis que un enclave portuario, iso si, cunha gran importancia dentro da fachada atlántica da Idade Antiga.
Sobre a lenda que aparece gravada en latín no miliario -Vivere in pulcrham civitatem-, non imos meter máis o dedo na chaga sobre a súa máis que dubidosa tradución, ou sobre a consideración de Vicus como unha civitatem… Deixamos que as persoas que están a lermos xulguen por si mesmas a conveniencia ou non deste paradigma do noso pacovazquismo.
En canto as visitas teatralizadas en Mirambell, que dicir. Anúncianse loitas de gladiadores, ceas e bailes na casa do dominus da villae de Mirambell (habitada entre os séculos IV e V d.C.),… con actores que parecen chegados da festa da Istoria de Rivadavia.
Parécenos unha magnífica idea dar vida a uns restos arqueolóxicos inertes con funcións teatralizadas, iso si, sempre que teñan un certo rigor histórico. Dende os inicios do século IV d.C., as loitas de gladiadores xa son un espectáculo marxinal pola maior influencia dun cristianismo (o concilio de Nicea del 325 confirma o cristianismo como a relixión oficial do Imperio) que non ve con bos ollos as mortes de seres humanos como espectáculo público, factor ao que se suma o esgotamento da administración romana, xa camiño do colapso. Aposto o que sexa a que, se a un habitante da Gallaecia de hai 1500 anos lle tivesen preguntado qué era un gladiador, non houbera sabido responder.
Temos que pensar que a villae de Mirambell era un conxunto de edificacións -cunha parte residencial para a familia propietaria máis dependencias auxiliares para os traballadores- envorcada na explotación de recursos mariños (contaba con salinas) e recursos agrarios. Pese a presenza de certo luxo (o hipocaustum e o os mosaicos son un exemplo), a súa cotidianidade estaría bastante afastada do que un espectador das visitas teatralizadas podería evocar contemplando gladiadores, lexionarios, patricios ou ricas matronas.
Que pensamos destas dúas actuacións? O primeiro que son un engano á cidadanía, son un fraude histórico. Pero máis grave aínda é que se está a fomentar dende o Concello un xeito de entender a Historia baseada na banalidade e o espectáculo (para máis inri o guión é falso), e non no coñecemento, a reflexión, e porque non, no gozo de coñecer a Historia.
O coñecemento -en xeral-, fomenta a reflexión e o espírito crítico. Quizais este sexa o problema.
15 xullo 2015