Na antiga Roma, un dos castigos máis severos que un persoeiro público podía sufrir era o de seren condenado a unha damnatio memoriae trala súa morte (aínda que, claro está, a esas alturas de partido xa pouco lle importaba).
Esta práctica lexislativa, potestade do Senado, traduciríase así como “condena da memoria” ou “destrución do recordo”, e consistía basicamente nunha sentenza xudicial con rango de lei dirixida contra calquera persoa que tras o seu pasamento, era considerado como inimigo do Estado con carácter retroactivo. Na práctica, significa que borraban os seus nomes das inscricións, destruíanse as estatuas ou pinturas nas que aparecera, retirábanse da circulación moedas acuñadas na súa honra, e incluso se suprimía o seu nome de rexistros públicos. O fin último era borrar calquera pegada na vida pública do caido en desgraza, como se nunca tivese existido.
Aquel vello procedemento xudicial clásico viume á cabeza cando lin que a unha praza que están a construír entre as rúas Pi e Margall e López Mora en Vigo, vanlle poñer o nome (non é broma) de “Praza das Apertas”. Ben, para ser sincero, o meu primeiro pensamento foi que alguén na Praza do Rei esa mañá almorzara unha botella de Mimosín, non é fácil atopar un nome máis cursi e risibel que ese (quizais o de “Avenida Articolor” está a súa altura, pero esa é outra historia).
Lembrei o da damnatio memoriae clásica, xa que estamos ante un borrado de memoria en toda regra, sen xuízo e sen Senado. Queren borrar da memoria histórica da cidade un nome, un topónimo asentado no territorio dende hai séculos: Peniche.
A toponimia tradicional tamén é patrimonio cultural de toda a cidadanía, como non. Este tipo de actuacións urbanas están a deturpar a cidade, a nosa casa común, convertendo as rúas en escaparates artificiosos e artificiais.
Non se trata só dunha opinión máis ou menos persoal. Hai xa algúns anos, varias institucións asinaron un manifiesto que asume que a toponimia é patrimonio: entre elas tamén estaba o Concello de Vigo. Unha das conclusións do manifesto era que nas denominacións oficiais habería de preferirse sempre un topónimo tradicional antes que fórmulas de nova invención.
Queren vendernos este tipo de intervencións como o paradigma do vangardista e do moderno, mais non logran disimular o cheiro a ignorancia e pailanismo. No caso concreto da Praza das Apertas vs. Peniche, claramente o antigo é o moderno, o vangardista, o progresista.
27 marzo 2015