De (Largo) Caballero a (Abel) Caballero. Do PSOE de 1934 ao de 2014

Francisco Largo Caballero, o Lenin español, morreu en 1946 na clínica de Lyautey (París) aos 76 anos de idade. A súa precaria saúde non se recuperara tras pasar dous anos no campo de concentración nazi de Sachsenhausen, onde foi recluido despois de ser detido na Francia ocupada.

Anos atrás, en xaneiro de 1939, Largo Caballero fuxira dende Barcelona ata Francia antes do remate da Guerra Civil (restaban xa poucas semanas para aquelo de … cautivo y desarmado el ejercito rojo, bla, bla, bla…). Aínda que deixara de ser o Xefe de Goberno da República en 1937, moitos dos que quedaron en España loitando tacharon de covarde a súa actitude, pese a que a guerra xa estaba perdida. Tal era o pesimismo sobre o desenlace da loita contra os nacionais, que a única premisa era resistir e resistir á espera de que se desencadease a gran contenda en Europa contra o fascismo, e así contar co apoio dos aliados.

A verdade e que as expectativas non eran boas se ficaba no pais. En febreiro de 1939 Franco publica a súa Lei de Responsabilidades Políticas na que prometía pasar pola pedra a quen no estivo do seu bando e formou parte da “subversión roja”, e vaia se o fixo. Haber votado ao Frente Popular era motivo máis que suficiente para rematar os teus días nunha cuneta.

Coas súas luces e sombras, a vida de Largo Caballero foi unha loita continua polo seu ideario socialista e revolucionario. Certo é que a súa biografía política está salpicada de contradicións; así, colaborou a finais dos anos 20 coa ditadura de Primo de Rivera, e poucos anos despois, en 1934, tivo un papel destacado na Revolución de Outubro contra a República. Tamén se lle pode recriminar a cegueira política que tivo como Xefe de Goberno ao non entender que o urxente era a loita contra o fascismo e non o desenvolvemento da revolución socialista. Pese a todo, loitou pola liberdade, sufriu a derrota e deu cos seus ósos nun campo de concentración na Alemaña nazi.

Varias décadas despois do seu pasamento, outro Caballero, tamén do PSOE, négase a derrubar a Cruz inaugurada por Franco en 1961 en memoria dos caidos por Dios y por España. O noso rexedor no só ignora a lexislación que obriga á retirada de símbolos da ditadura de Franco (Lei 52/2007, promulgada por un goberno socialista), senón que traizoa a memoria dos seus compañeiros de partido que deron as súas vidas na loita contra o réxime totalitario que erixiu a cruz. Se algúns socialistas consideraron a fuxida de Largo Caballero en xaneiro de 1939 como unha traizón,… como se podería cualificar a actitude de Abel Caballero?

18 setembro 2014