Primeiro día na cidade:
“…Comezamos o noso percorrido pola cidadela que culminaba o sistema defensivo da cidade, un espléndido exemplo da arquitectura abaluartada que tanto éxito tivo a partir dos séculos XV e XVI como resposta aos avances da tecnoloxía da artillería. Despois, camiñamos seguindo a traza da muralla na zona leste do perímetro defensivo. É moi doado seguir a súa pista malia que non se conserven os paramentos da cerca defensiva (os alicerces están no subsolo, segundo os datos das últimas escavacións arqueolóxicas), xa que un pavimento de distinta textura e cor ensínanos como era: o seu trazado, a súa anchura, onde había portas, onde baluartes,… No noso paseo atopámonos con códigos QR, ademais dalgún panel, que nos falan desa muralla non só como o vestixio dun pasado xa desaparecido, senón como unha realidade que segue presente tanto a nivel social e cultural (nesta cidade fanse varias feiras nas que a muralla é unha das protagonistas), como a nivel urbanístico (algún sector da muralla asimilouse no rueiro actual, fosilizándose unha vella arquitectura entre edificios e casas contemporáneas). Xa estaba a caer a tarde, e onde estaba unha das portas da muralla acendeuse unha iluminación artificial disposta de tal xeito que recreaba a volumetría do paramento defensivo e a forma daquela porta de entrada á cidade vella. Abandonamos o noso paseo pola muralla e entramos na zona vella da vila, buscando as dúas grandes casas dos séculos XV e XVI que teñen o honor de seren os edificios máis antigos conservados. A partir deste punto optamos por seguir o pequeno percorrido que ten como obxecto mergullarnos na zona vella durante a postguerra, tempos de estraperlo, emigración, miseria,… Unha memoria que segue moi viva nalgúns vellos habitantes. Mañá será a quenda dese gran exemplo de arquitectura industrial de principios do século XX reaproveitado como dotación cultural…”.
Este diario de viaxe en realidade é unha invención. Unha utopía que ten como protagonistas uns hipotéticos viaxeiros e como escenario o Barrio Vello de Vigo, amosándonos o que puido ser (AÍNDA ESTAMOS A TEMPO!) a zona antiga da cidade. Sen moito esforzo orzamentario, o percorrido descrito podería ser un posible marco de recuperación do patrimonio histórico e arquitectónico da zona vella de Vigo, apostando polos intereses públicos fronte os privados.
Na actualidade, as políticas de recuperación nese sector da cidade xiran en torno a unha premisa fundamental: poñelo de moda co fin de revalorizalo economicamente, xa sexa a través da venda de vivendas ou do desenvolvemento de locais comerciais.
Non deixedes de visitar o blog Xentrificación en Vigo, onde falan de todo isto moito mellor ca min.
19 marzo 2014