Non se me ocorren moitas obras literarias que teñan á arqueoloxía como fío condutor. Quizais a referencia literaria por antonomasia sobre o mundo da arqueoloxía no estado español sexa “El Tesoro” de Miguel Delibes. (Detalle para os máis curiosos: Un dos protagonistas do libro é Germán Delibes, fillo do autor e catedrático de arqueoloxía na Universidade de Valladolid. Os outros personaxes tamén se poden identificar con arqueólogos que despois fixeron carreira na universidade). Para quen non a lese, contarvos que está baseada en feitos reais, e trata de como o achado fortuíto dun tesouro celtibérico nunha devasa no castro de Las Labradas de Arrabalde, en Zamora, pon en pé de guerra ao pobo contra os señoritos da capital – arqueólogos que chegan dende Valladolid- que veñen a escavar e a levarse o seu tesouro. O desenlace tedes que lelo vós.
Hai pouco volvín a ler “El Tesoro”, e penso que o universo que nos presenta Delibes quedou superado hai tempo. Por unha banda, parece que estea a falar da Prehistoria da metodoloxía arqueolóxica; evidentemente, nin estacións totais, nin GPS, nin computadoras no campo, só un grupo de investigadores novos e con ilusión.
Pero a lectura que máis sorprende case trinta anos despois é comprobar como cambiaron as tornas, como o pobo (iso que agora se chama sociedade civil) superou con creces ás administracións en canto á súa sensibilidade polo patrimonio. Por todos lados florecen asociacións de defensa e estudo do patrimonio que suplen con creces a desidia e o desleixo de entidades que, por lei, deberían ser as garantes da conservación do patrimonio cultural. Quero pensar que o narrado por Delibes agora non pasaría; nestes tempos o gran problema do patrimonio non é a incultura e a desconfianza dos aldeáns que describe o autor castelán, senón que vintenove anos despois, o gran problema son os intereses económicos e a neglixencia das administracións.
Eu quero propoñer outro referente no binomio literatura/arqueoloxía: o poeta andaluz Antonio Orihuela. Vai un anaco dun poema seu, sobre o traballo do arqueólogo:
“… tres meses absurdos
perdidos en dibujar fragmentos absurdos
extraídos del vientre de los siglos
en el corte y estrato vetetúasaberdónde
según la metodología bulldozer,
clasificados en bolsas según el método Ogino
dibujados según el plan Badajoz
e interpretados delante de un baraja de cartas de la bruja Lola
y tres velas negras…”
Pero a miña proposta ten truco: que a través do feito anecdótico da súa formación de arqueólogo (é doutor en Historia), vós acheguedes á súa poesía, libertaria, anticapitalista e comprometida, sendo o que é, non un arqueólogo metido a poeta, senón un dos grandes poetas vivos en España.
Deixo algún enlace para que poidades coñecer parte da súa obra:
http://www.babab.com/biblioteca/antonio_orihuela.htm
http://www.nodo50.org/mlrs/Biblioteca/orihue/piedra.pdf
5 marzo 2014