PRIMEIRO TITULAR. Corpo dunha noticia nun xornal vigués: “…Como se esperaba, las excavaciones realizadas en la calle II República no ofrecieron ningún yacimiento relevante, por lo que se levanta la caución (sic) arqueológica y ya se pueden iniciar los trabajos…”.
SEGUNDO TITULAR. Encabezado dunha noticia na sección local dun diario de ámbito autonómico: “A cautela arqueolóxica bloquea relevantes proxectos urbanísticos”.
REFLEXIÓN. Sobre o primeiro titular… É que tanto costa poñer un pouco de interese ao facer as cousas? Que diaño é unha caución? Ao principio supuxen que era unha errata e non lle din máis importancia (faltaríalle un pre para facer unha palabra con sentido, que ademais cadraba no texto), pero repítese dúas veces na noticia. Ao mellor o xornalista quixo dicir unha canción arqueolóxica, e trabucouse de tecla. Deixando a un lado as anécdotas, ao analizar a noticia, o lector é quen de sufrir un efecto cando menos curioso: pode chegar a saber menos sobre arqueoloxía e a cidade do que sabía ao comezar a ler o xornal. É o chamado efecto desaprendedor.
A primeira mensaxe que se transmite é que xa era esperado que no aparecera nada relevante, cousa que non é certa. Para quen non sexa de Vigo, dicir que a rúa II República coincide co trazado leste da muralla que circunvalaba en época moderna a zona vella da cidade, en concreto co tramo que unía os baluartes da Pulguiña e da Lama, moi preto da porta que saía cara a Ourense e Castela. Si tivera que apostar a todo ou nada os meus (poucos) aforros antes do comezo das sondaxes arqueolóxicas a se aparecía algo ou non, habería apostado sen dúbida polo si. O azar levaríame a perder todo porque a intervención arqueolóxica encargouse de demostrar que nese tramo de subsolo non había nada, pero a priori tiña todas as papeletas para que xurdiran os restos da vella muralla. Temos a certeza de que por alí pasaba a muralla, sen embargo nada se conservou dela trala súa demolición a finais do século XIX.
Despois, a noticia ten erros moi graves a nivel conceptual. Pese a que non apareceu nada, o yacimiento relevante segue a estar aí, non desaparece nin arqueolóxica nin administrativamente, aínda que neste punto concreto do gran xacemento Casco Vello (con clave identificativa GA3636057084) o equipo de arqueólogos non atopase nada.
Sobre o segundo titular. Este paréceme máis cargado de malicia, máis insán (pese a que fiámonos da solvencia e coñecementos de quen o asina). O problema está en que eses proxectos urbanísticos afectan a zonas con cautelas arqueolóxicas, e non en que as conseguintes cautelas bloqueen os proxectos urbanísticos. Neste caso a orde dos factores si altera o resultado final. Por poñer un exemplo, a ninguén se lle ocorrería titular unha noticia do seguinte xeito: “A vila X prexudica o trazado dunha autoestrada”. Todos temos claro que é a autoestrada a que afecta á vila.
Logo, lendo a noticia, decátaste de que o que quere o periodista é explicar as trabas administrativas que se atopan algúns proxectos en zonas con potencialidade arqueolóxica. Pero o titular é moi tendencioso, e é o primeiro que nos entra polos ollos. Non son as cautelas arqueolóxicas senón as eivas lexislativas as que causan un atraso nesas obras.
Cando están no mesmo saco patrimonio arqueolóxico e intereses económicos, pensamos que hai que fiar fino, xa que se corre o perigo de crear na cidadanía un estado de opinión hostil contra o patrimonio cultural común. Sobre todo nos tempos que corren, e o afeitos que estamos a que o motor da economía sexa o ladrillo.
22 xaneiro 2014