Estimado cargo público:
Probablemente o patrimonio cultural e artístico é algo que nin lle vai nin lle ven. Esta aí, hai unha lexislación que cumprir, hai uns días sinalados para festexar (día dos museos, día do libro, día do teatro,… ), e pouco máis. Para vostede, o patrimonio xoga na mesma liga que as políticas de igualdade, as medioambientais, os servizos sociais,… lonxe das grandes ligas onde se desenvolven o urbanismo, a economía ou as infraestruturas.
Pero, oh caprichos do destino, tras pasar pola Subsecretaria de Asuntos Bizarros e pola Dirección Xeral de Infraestruturas Estruturais, nesta lexislatura tocoulle o cargo de concelleiro de Patrimonio Histórico nun pequeno concello (nunca se perdoará non ter aplaudido con énfase na intervención do líder supremo no congreso do partido), posto que nin coñece nin lle interesa. Sabemos de boa tinta que cambiaría cos ollos pechados este cargo de concelleiro por unha xerencia ou unha xefatura de servizo en urbanismo.
Pero aquí ten este blog para iluminarlle sobre que é o patrimonio cultural e que é o que pode conseguir. Ollo, é gratis (de todos xeitos, se quere facer un ingreso na miña conta –da igual cun sobre, en diferido, nunha conta nas illas Cook,…-, non haberá problema). Imos cunhas premisas básicas:
1º. Hai unha lexislación que cumprir. É de Perogrullo pero é así; o meu consello é que baixe de Internet (bendito Google) un compendio do ordenamento xurídico que rexe tanto a nivel autonómico como nacional, e así evitará problemas. Póñase as pilas para coñecer canto antes o marco xurídico vixente, non todo vai a ser encher o peito o día dos museos ou nas inauguracións (de todos xeitos, non se preocupe, agora non se fan inauguracións xa que non hai investimentos en cultura. Un problema que se aforra).
2º. Direille un segredo: O patrimonio cultural é rendible. Podería dicirlle que a rendibilidade social pode ser enorme, xa que se forma unha cidadanía crítica e culta, pero non quero aburrirlle, xa sei que iso non lle interesa demasiado e quero que non perda a atención sobre o que lle estou a contar. Para que non deixe de ler, engadirei que tamén pode ser rendible dende un punto de vista económico. Hai exemplos de lugares no noso estado que estiveron desafiuzados e a piques de virse abaixo (Xixón, Cartaxena,…) e que atoparon un novo modelo de cidade baseado na cultura como concepto global (historia, arqueoloxía, industrias culturais,…). Sen ir moi lonxe, hai vilas do noso entorno que apostaron por un modelo distinto de cidade e que semella que están a funcionar: Pontevedra, Allariz,…
3º Non pense que o patrimonio cultural é un PROBLEMA que hai que resolver, senón unha OPORTUNIDADE que se lle pode presentar a súa vila para facela máis agradable (tanto aos indíxenas como á xente vinda de fóra).
4º. Deixe en mans dos técnicos a planificación e o deseño das políticas culturais, xa que a eles se lles presupón coñecemento e imparcialidade. Vostede limítese a asinar decretos e a facer roldas de prensa. Isto último é moi fácil, os seus discursos sempre deberán xirar en torno a varios lugares comúns: esta corporación está moi interesada na cultura e na educación…, un pobo que coñece a súa Historia sabe cara a onde camiña…, estes restos teñen que ser a sinal de identidade da cidade,…; ademais use verbas que son claves (aínda que non veñan ao caso ou non saiba que signifiquen): cohesión social, sinerxías, posta en valor, musealización… Salpique as súas declaracións con estes aderezos, e xa verá como todo vai ben.
Para finalizar, unha recomendación para que teña presente no día a día: implíquese e goce co seu cargo. Tocoulle unha concellería lonxe dos focos dos intereses económicos e políticos, onde con pouco investimento (pero feito con sentidiño) e con gañas de facer cousas pode mellorar moito a calidade de vida da súa vila, xa que a cultura tamén é calidade de vida.
24 xuño 2013