Ao longo da miña vida profesional xa fun quen de escoitar varias veces esa frase: cando entra en conflito a conservación dun ben arqueolóxico cunha nova infraestrutura, cando hai un investimento público destinado ao patrimonio que parece esaxerado, cando poñemos o grito no ceo denunciando algunha agresión a un ben cultural… É moi curioso como a sociedade percibe dun xeito amplificado a importancia de xacementos-estrela (como é o burgalés, e con toda razón do mundo), e como restamos importancia aos nosos.
En Galicia hai uns 15.000 xacementos arqueolóxicos catalogados, a maior parte deles no rural e sen escavar, protexidos baixo capas de terra aportadas por séculos e séculos de sedimentación natural. É case que imposible desenvolver plans de protección en cada un deles, así que resulta imprescindible a implicación de todos, sociedade e administracións, para garantir a súa conservación. Para asegurarnos a protección e coidado do patrimonio arqueolóxico contamos cun instrumento poderosísimo, cunha metodoloxía cada vez máis en desuso pero que ben utilizada aporta uns resultados espectaculares: a educación.
A lexislación non é suficiente. Non podemos confiar unicamente no ordenamento xurídico para garantir a súa conservación, ten que xogar un papel fundamental a educación e o gozo: a partir do coñecemento do patrimonio cultural xurde a necesidade de valoralo; dende esta valoración, a necesidade de esixir ás administracións o seu coidado; este coidado facilita o seu gozo, e do gozo xurde a necesidade de coñecer aínda máis.
En Monte Penide, temos a gran sorte de posuír unha das grandes concentracións de mámoas do noroeste peninsular, con máis de trinta exemplares. Lembremos que unha mámoa é un pequeno túmulo funerario construído durante o Neolítico, facilmente identificable na paisaxe xa que constitúe unha pequena elevación artificial cóncava de forma circular (cuns 20 metros de diámetro, aproximadamente), que contén no seu interior –normalmente- unha cámara funeraria delimitada por grandes laxes de pedra, a cal podería accederse a través dun corredor que comunicaba co exterior.
Propoño ao lector que visite Monte Penide este fin de semana, pero que mire o monte con ollos diferentes. Que pense que hai uns 5000 anos esa paisaxe de lecer era unha paisaxe funeraria, con ducias de enterramentos nos cales as persoas enterraban aos seus seres queridos –talvez coa mesma pena que sentimos cinco milenios despois-, xunto a instrumentos de pedra (puntas de frecha, laminas de sílex), cacharros de barro que quizais contiñan alimentos ou bebidas,… que axudarían aos que se foron no camiño que estaban a iniciar. Persoas como nós, coas nosas alegrías, problemas, sufrimentos,…
O monte ten que ter máis valor que o económico, non pode ser unicamente unha fábrica de madeira. Oxalá que as comunidades de montes que comparten espazo en Monte Penide sexan quen de atopar puntos de acordo e aproveitar o verdadeiro potencial destes montes: o patrimonio arqueolóxico. Monte Penide non é Atapuerca, pero como si o fose.
4 maio 2013