Hai días que rolda pola miña cabeza un simil: unha parte do noso patrimonio cultural (museos, xacementos arqueolóxicos visitables, etc) é como unha desas enciclopedias que ata hai pouco tempo decoraban (ese é o termo exacto, decoraban), os nosos salóns. Estaban aí entre a foto da tía Carmiña e o vello teléfono de góndola: collían po, abraiaban ás visitas, os nenos usabámolas para tarefas escolares, e sobre todo, eran unha declaración de intencións sobre canto interesaba a cultura nesa casa. Imaxinemos a ese pai, sentado na súa butaca preferida e levantando a mirada do Marca, sorrindo satisfeito ao ollar para o estante porque, nesa casa, o saber ocupaba un lugar privilexiado.
A función coa que foron paridas moitas dotacións culturais ou bens postos en valor é a mesma: serven para seren admiradas polas visitas, para facer traballos escolares, e coller po. Coa puxanza económica, abríronse dotacións culturais por todos lados: da noite á mañá, ademais de ricos convertémonos en cultos. O malo é que moitas decisións sobre o como, o cando e o porqué de bastantes destes espazos tomáronse en base a decisións políticas, non técnicas, e xa sabemos que os criterios e os tempos políticos non coinciden cos técnicos: as súas anteolleiras impídenlles ver máis alá dunha distancia de catro anos. E retomando o simil con que empecei, o noso estante patrio encheuse de enciclopedias, moitas delas raras e incomprensibles.
Ah, pero chegaron os malos tempos; volvemos a ser pobres, e de rebote, incultos e ignorantes. E xorden os problemas: nestes tempos de miseria económica e moral, os nosos xestores atópanse ducias de dotacións culturais, e non saben que facer con elas.
A dificultade deste espazos culturais (pequenos museos locais, aulas de interpretación, xacementos musealizados,…) non é facelos, xa que normalmente constrúense a custo cero para as administracións locais a base de partidas orzamentarias de fondos europeos, de cartos do 1% cultural, subvencións,… O problema é mantelos e facelos sostibles. E fixarvos ben que digo sostibles e non rendibles, xa que penso que a rendibilidade económica neste tipo de espazos non ten que ser un factor determinante. Ao igual que pasa coa sanidade, cos servizos sociais ou coa educación, a cultura non pode estar a xogar un partido no cal as dúas principais regras sexan a “eficiencia” e o“déficit cero”.
O problema xurde a partir do minuto un despois da inauguración, cando o político xa cortou a fita e fixo o discurso sobre como nos preocupamos pola cultura, como a educación é a chave do futuro, bla, bla, bla,… Cando xa perdeu o interese para o político, xa que deixa de seren foco de cámaras e flashes, comezan as dificultades: xestionar ese espazo, agora si, só con recursos locais.
Non quero ser moralista e botarlle en cara aos políticos que levaron as rendas de responsabilidades no campo cultural a súa incapacidade de planificar e xestionar (non aportaría moito máis do que eles mesmos ou as súas obras estannos a amosar), nin tampouco quero ser ventaxista cos que agora están a administrar eses tipo de espazos, xa que creo que a xente fai as cousas o mellor que sabe, ou o mellor que lles deixan dende arriba. Pero penso que hai cousas que estanse a facer rematadamente mal, e creo que hai espazos culturais que habería que pechar pola súa inoperancia, xa que agora non se sabe que facer con eles; non se atreven a pechalos, así que continúan como zombis camiñando pola súa inercia.
Na cidade de Vigo, por exemplo, é difícil atopar un museo que abra máis de 20 horas á semana. Contamos con xacementos musealizados que abren entre 2 e 8 horas semanais (dependendo da estación do ano), cuxa información nas webs de turismo ou das administracións está confusa ou é desfasada. É perfectamente factible que ti te plantes en tal sitio a tal hora para ver ese espazo cultural, como pon na información da web, e te atopes ese espazo pechado pese a que o horario que se reflicte tanto na entrada como na web diga o contrario. Isto non é máis que un desinterese e unha desidia absoluta: facer estes cambios nas webs de información cultural ou poñer os horarios correctos nos propios sitios se fai en cinco minutos. Todo isto nunha cidade que quere relanzar a súa imaxe turística.
E así nos vai. Cando cambie o ciclo económico, recolleremos esas vellas enciclopedias, encadernaremos de novo os vellos tomos envilecidos polo paso do tempo, engadiremos outras coleccións novas, pintaremos os estantes,… Nese momento xa poderemos sorrir tranquilos, baixar a mirada e continuar lendo o Marca.
P.D: A miña suxestión é volver ao sistema de toda a vida. Grande, Forges!!!